Unámonos, xuventude galega (e o resto tamén) para mellorar Galicia, España, e o mundo enteiro! Despertade e loitade, vós, amantes da vida. Desatade as correas do voso pescozo e berrade, eliminade as correas que non vos deixan ir máis alá.

Temas



Enlaces

Archivos

fóra correas

Se muestran los artículos pertenecientes a Mayo de 2005.

01/05/2005

TURBOCAPITALISMO: O TRIUNFO DOS HOMES GRISES

Michael Ende falaba en 1973 dos Homes Grises no seu libro Momo. Estes personaxes existían a costa do tempo das persoas, vivían convencendo á xente para que aforrara tempo. Hai tres décadas que Ende reflexionou sobre "a locura de ritmo de vida" que se levaba, agora esa locura converteuse en esquizofrenia e chámase turbocapitalismo, e eses Homes Grises son os comunicadores, os encargados de márketing e publicistas. Todos eles saben moi ben que o tempo vale ouro. Por iso cada vez recibimos mensaxes máis curtas e en menos tempo, aforrando tempo e espacio.
Así, traducindo isto no noso campo, a publicidade, despois dun curto tempo de emisión dun anuncio, este téndeno a sintetizar nunha soa frase, o eslogan. Isto fai que recibamos un exceso de información (todo o anuncio completo) no tempo en que se recibe unha soa frase. E é que como di Carlos Alonso Romero en La Patata de la Libertad "a industria do reclamo é a única que nos libra dunha fulminante crisis definitiva de superproducción".
Este proceso de turbocapitalismo produce falta de atención, dificultade para a concentración, estrés ou incluso ataques de pánico debido á saturación de información descontextualizada que sufrimos. Desafíovos a que respondades algunhas destas preguntas que Carlos Alonso Romero plantexa:
Canto tempo sostemos un canal sen facer zap?
Asustannos cada vez máis os libros largos?
Notades como se chegou a satanizar a pereza sendo a lentitude un privilexio?

Agora recoméndovos que leades o texto que Carlos introduciu no seu blog, xa que o explica dunha forma máis ampla e fácilmente comprensible (vamos que só son catro páxinas que se len en menos de dez minutos).
01/05/2005 11:54 Enlace permanente. Tema: Comunicación e medios No hay comentarios. Comentar.

06/05/2005

EDUCACIÓN E DEREITOS HUMANOS

Vou a comezar este artigo cunha pregunta moi sinxela:
Que vos ensinaron na escola?
Si, na escola aprendimos moitas cousas útiles, aprendimos a ler, a escribir, a sumar, a multiplicar, aprendimos as partes do corpo humano, as provincias de España, os ríos... e incluso a algúns lles ensinarían os dez mandamentos! Ben, gracias á escola temos unha cultura xeral aceptable, non somos analfabetos (agora mesmo suponse que estamos a ler), podemos facelas contas cando vamos á compra e comprendemos perfectamente o que nos contan os informativos da televisión.
Agora ben, se a alguén de vós ou se coñecedes a alguén que na escola lle ensinaran a razoar ou a pensar por si mesmo algo que non fose sumar peras con peras e mazáns con mazáns, que mo diga. E o que é máis importante, ensináronvos qué son os Dereitos Humanos e cáles son? A min non.
Na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada en 1948, exponse que o respeto a estes dereitos debe ser promovido pola ensinanza e a educación. Igualmente, no Artigo 26 exponse o seguinte: “[...] A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais [...]”
Esta é a evidencia da violación (como se soe dicir) dos Dereitos Humanos. Ensinar e concienciar ás persoas desde cativas é o paso máis importante para o respeto e o cumprimento destes. Ninguén pode reclamar algo que non coñece, por iso manternos na ignorancia é o propósito daqueles que queren exercer o poder sobre os demáis.
Algunha vez leichela Declaración dos Dereitos Humanos? Nunca é tarde para votarlle unha ollada. Aí a tes:
Declaración Universal dos Dereitos Humanos
06/05/2005 11:34 Enlace permanente. Tema: Denuncias Varias Hay 2 comentarios.

11/05/2005

HEROÍNA: UN REPASO SOBRE A LOITA DE CARMEN AVENDAÑO

Neste mes de maio estreouse Heroína, unha película basada na historia real dunha muller viguesa, Carmen Avendaño. Esta muller non abandonou a súa intensa loita contra os narcotraficantes galegos desde que un dos seus fillos enganchados á heroína lle pediu axuda para saír dese pozo sen fondo. Isto ocorría nos anos oitenta, época na que o nivel de consumo desta droga era elevadísimo en Galicia. Avendaño fundou, xunto con outros pais co seu mesmo problema, unha asociación chamada Érguete para axudar a drogodependentes. Esta muller loitou, poñendo a súa vida en perigo, para que a sociedade fose consciente do problema que causaban os narcotraficantes e que os heroinómanos eran persoas enfermas que o que necesitaban era axuda e non o rexeitamento da sociedade. Había unha idea moi xeneralizada de que os drogodependentes eran persoas marxinais, pero a verdade era que a gran maioría de consumidores proviñan de familias íntegras e unificadas. Moitos narcotraficantes acabaron no cárcere gracias á insistencia e valentía de Carmen Avendaño, e os niveis de consumo de heroína en Galicia baixaron considerablemente.
Gerardo Herrero, director da película, non realizou un retrato sobre o consumo de drogas nos anos oitenta senón que adaptou a situación familiar de Carmen e a súa loita persoal para axudar ó seu fillo. A película é bastante lixeira en comparación coa vida real de Avendaño, sen embargo, é unha boa reflexión sobre a loita persoal e a defensa dos ideais.
11/05/2005 18:17 Enlace permanente. Tema: Cine Social Hay 2 comentarios.

12/05/2005

A HORA DA VERDADE

Hai tres meses que empecei a escribir este blog. Cando o abrín inda non tiña nin idea do tema que ía a tratar, e por iso creei unha dirección tan complicada: tereemeese. A estas alturas sería un pouco tarde para cambiala dirección, inda que como se di... "nunca é tarde para cambiar", planteareimo.
Por fín se me ocorreu un tema sobre o que centrarme: CRÍTICA SOCIAL. Que gran tema. Na sociedade na que vivimos hai moitos temas que denunciar ademáis dos que aparecen nos medios de comunicación. Temas sobre os que moi pouca xente reflexiona, moitas veces porque os ignora. A miña intención é dar a coñecer algúns deses problemas e facer reflexionar a todos os que me lean. O título do blog ocorreuseme posteriormente e fai unha pequena alusión á rebeldía e a non conformarse unicamente co que nos poñen diante dos ollos. A desinformación é un xeito de limitarnos por iso eliminando esas correas invisibles ás que nos queren atar seremos máis libres.
Dividín os post en varios temas, non sei se son os máis adecuados, pero de todas formas a clasificación por temas é algo totalmente secundario. Agora procederei a facer unha breve análise de cada un dos temas.
saúdo: neste tema escribín un único post. Este é un tema totalmente trascendental que escribín porque non sabía como comezar a escribir no blog, un pouco para saír do paso.
cine social: escribin tres post de diferentes películas que considero que comunican asuntos sociais importantes sobre os que todos deberíamos reflexionar. Debido ó escaso número de lectores, o número de comentarios que recibin destes post é satisfactorio, inda que vos animo a que sigades escribindo máis comentarios.
comunicación e medios: os medios de comunicación teñen un papel importantísimo na sociedade e o seu mal uso e a pouca profesionalidade aféctanos a todos, e por iso considéroo un tema importante. A través deste blog trato de abordar algúns aspectos críticos dos medios de comunicación. Escribín cinco post pero vexo que este tema non ten moito éxito porque non recibín ningún comentario. De todos xeitos seguirei con el, insisto!
artistas comprometidos: un tema frustrado debido ó pouco tempo que teño para buscar información e tamén a que hai outros temas máis primordiais. 1post - cero comentarios.
nenos: os nenos son seres indefensos que inda están a desarrollar as súas capacidades e a súa personalidade, e por iso son facilmente manexables. Protexelos e ensinarlles a ser persoas críticas é moi importante. Sobre este tema escribín dous post e sobre un deles recibín un comentario.
avaliación do blog: neste tema pretendo facer unha análise sobre a situación do blog. Máis ou menos o que estou a facer agora. Este é o terceiro post.
denuncias varias: aquí reúno tódolos post que non sei en que grupo meter e por non crear vintecinco temas diferentes. Escribín dous post, un dos cales recibiu catro comentarios. Trátase dun artigo que fala sobre o maltrato psicolóxico que sofren moitas mulleres. Ooutro post recibiu tamén un comentario e trata sobre a educación e os Dereitos Humanos.
Intentarei seguir máis ou menos nesta liña, sempre informándome o mellor que poida de cada tema que escriba para poder ofrecer un blog que sexa útil ou do que poidan partir interesante debates.

17/05/2005

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Quería conmemorar este día, o Día das Letras Galegas, escribindo unhas liñas en galego. Xa que o día non é "día da lingua galega" nin "día do galego", senón que se lle adica un día ó texto en galego. E que pensará o resto do mundo cando escoite que en Galicia é festivo porque dedicamolo día ás nosas letras? igual ata se pensan que o celebramos lendo todo o día, como verdadeiras persoas amantes da nosa literatura. Pero nada máis lonxe da realidade, a xente non lee, e menos en galego (recoñezo que debo incluirme neste grupo ó que chamei xente). Este día para moitos non significa nada máis que un día festivo, un día para descansar e relaxarse.
De todas formas, neste día sóesenos despertar esta vea galega e neste día máis que en ningún outro, parece que todos nos sentimos un pouco máis orgullosos de ser galegos, inda que non demos de comer ós nosos escritores. E ata aquí as miñas palabras en galego no día das letras galegas que se me está acabando a chapa do ciber, pero seguirei escribindo galego máis días, porque as letras galegas debémolas conmemorar todo o ano, e non un día cada doce meses.
17/05/2005 23:23 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

19/05/2005

A GUERRA DE IRAK: FONTE DE INSPIRACIÓN

A guerra de Irak deu pe a numerosos documentais e manifestacións artísticas en contra da violencia e a masacre descarada e indiscriminada que sufriu o pobo iraquí. Bagdad rap é un documental que trata de mostrarnos a dureza dos días de guerra. Realizada por Arturo Cisneros, esta largometraxe inclúe imaxes moi crudas, rodadas por un equipo totalmente independente desde o inicio da guerra no ano 2003, que nunca foron emitidas por ningún medio de comunicación. Cisneros viu a necesidade de realizar un documental que mostrara a verdadeira masacre e crudeza que supoñía a guerra, o temor do pobo iraquí, as consecuencias dos primeiros bombardeos e o tipo de armamento utilizado polos Estados Unidos, dado que, según Cisneros, a información nos medios era incompleta, tendenciosa e basada en mentiras.
Este documental está feito a ritmo de rap, coa colaboración de grandes rapeiros españois como Ari ou Frank T. Esta innovadora idea de enfocar un documental surxiu a partir do empeño do realizador de que a largometraxe chegase a un público xoven. Para Cisneros a xuventude non se interesa polos documentais, polo que lle deu un aire máis dinámico a través da música.
Lamentablemente, Bagdad Rap estréase en cines unicamente en Madrid e Barcelona, polo que teremos que esperar un pouco para vela, a non ser que algunha desas dúas cidades vos quede de camiño.
Pero en cambio enlazo aquí unha pequena mostra dunha serie de pinturas realizadas polo famoso escultor e pintor Fernando Botero que denuncian as torturas ás que someteron os soldados estadounidenses ós presos iraquíes. Unha mostra espeluznante que vale a pena ver: Cuadros de Botero sobre as torturas ianquis
19/05/2005 19:55 Enlace permanente. Tema: Artistas comprimetidos No hay comentarios. Comentar.

23/05/2005

DÚAS MORTES PARALELAS

Ser reporteiro pode chegar a ser unha profesión moi perigosa se se fai de forma independiente e se intenta informar de cousas que non interesan ás autoridades. James Hatfield e Gary Webb foron víctimas do seu propio traballo de investigación e ambos o pagaron cunha morte máis que misteriosa, como se dunha película holliwoodiense se tratase, mais esto é real, son dúas historias reais.
James Hatfield escribiu unha biografía sobre George Bush antes das eleccións americanas do ano 2001 titulada O Nerón do s. XXI: George W. Bush presidente. Esta é a biografía sobre o presidente dos Estados Unidos máis completa, a que explica detalladamente a vida de Bush. Fala dos seus negocios, da súa relación coa familia Bin Laden, dos seus fraudes económicos, do seu integrismo relixioso, da súa adicción á cocaína entre outros temas pertencentes ó lado oscuro deste personaxe. Aspectos que máis tarde revelaría Michael Moore no seu coñecido documental sobre o atentado das torres xemelgas, a modo comercial. Hatfield tivo moitos problemas para publicar este libro. O seu primeiro intento de edición foi frustrado polas amenazas de lobby que sufriu o seu editor, polo que os 80.000 libros que estaban preparados para ser distribuídos finalmente foron queimados. Pero finalmente o libro foi publicado meses máis tarde por outro editor pese ó medo do escritor, que sufrira varias amenazas. O día 18 de xullo de 2001, James Hatfield foi atopado morto nunha habitación dun motel. O parte policial alegou rapidamente que foi un suicidio.
Máis recentemente Gary Webb sufriu a mesma sorte. Este reporteiro desvelou en 1996 cómo persoal da CIA vendía droga utilizando o diñeiro para axudar a financiar a revolución contra o goberna sandinista en Nicaragua. Trala publicación da noticia Webb foi víctima dunha forte campaña para derrocala súa reputación, acción que conseguiu que ningún medio o apoiase. Anos máis tarde Gary Webb retomou esa mesma liña de investigación. Foi amenazado, vixiado e perseguido durante varios días ata que apareceu morto no seu domicilio con dúas bala na cabeza. As autoridade xudiciais apelan un suicidio.
Dúas mortes paralelas de dous reporteiros nerteamericanos que non fixeron maior delicto que o de sacar a verdade á luz. Dous exemplos que falan por si sós.

25/05/2005

ALEGRÍA DE BLOGGER

Marabillosa sorpresa me levei hoxe cando vagando pola rede se me deu por escribir en Google "crítica social" e darlle ó botón de "búsqueda", pois entre os resultados atopei no terceiro lugar esta dirección, a dirección de fóra correas. É un pequeno logro que este minúsculo blog aparezca na primeira páxina do buscador xeral de internet máis importante actualmente. O planeta de internet está cheo de pequenos lugares como este, por iso penso para calquera blogger principiante coma min o feito de que a súa bitácora sexa remitida nun buscador é unha alegría, e uns puntos positivos de motivación! Inda que supoño que estas dúas palabras máxicas que me ofreceron un espacio en Google non son moi buscadas na rede, sempre pode haber alguén que as procure.
Ben, este escueto comentario só o escribo para compartir convosco a miña alegría, porque este, para min, é un deses acontecementos aparentemente insignificantes que fan que se nos pinte unha sonrisa na cara.
25/05/2005 19:11 Enlace permanente. Tema: avaliación do blog No hay comentarios. Comentar.

30/05/2005

COMERCIO XUSTO

Anteriormente faláravos da explotación que sofren moitos nenos e nenas en todo o mundo, pero o problema da explotación non só o sofren os cativos, tamén os seus pais e milleiros de persoas adultas que teñen que traballar máis de doce horas diarias para poder levar algo á boca. A grande maioría das empresas que abusan da situación destas persoas son multinacionais, que a cada día que pasa van aumentando os seus beneficios económicos, chegando a ter máis control económico que o total de moitos países.
Dende hai uns anos varias ONGs denunciaron estas condicións de abuso e comezaron unha loita contra a inxustiza que sofren os traballadores dos países pobres coa iniciativa do Comercio Xusto. Con isto preténdese, entre outras cousas, respectalos Dereitos Humanos na producción, garantir salarios que permitan unha vida digna, a prohibición da explotación infantil, o respecto do medio ambiente e a creación de estratexias que permitan a autosostenibilidade dos países do sur. Pero para que isto sexa posible necesítase a concienciación e a implicación da sociedade. Nós, como consumidores, somos responsables do que mercamos. Debemos estar informados das condicións baixo as que se elaboraron os productos que se nos ofrecen.
Hai tres lugares en Galicia onde se loita polo Comercio Xusto: Amarante en Santiago, A Factoría do Sur en Pontevedra e Crisol en Vigo.
30/05/2005 15:10 Enlace permanente. Tema: Denuncias Varias Hay 2 comentarios.


Plantilla basada en http://blogtemplates.noipo.org/

Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.